galego  español | contacto
histórico de espectáculos
 
o camiño de Santiago

Como cada noite Santiago emprende o seu camiño acompañado de Branco, o seu cabalo inseparable. O que non esperan é que hoxe se atoparán no seu soño con Mariña e a súa gatiña Lupe. Vivirán aventuras e cantarán cancións para chegar ao Castelo Máxico (A Catedral de Santiago) e atopar o tesouro escondido. Nesta viaxe as personaxes dos seus contos cobrarán vida. Personaxes de diferentes países que a través da súa diversidade, amosarán aos irmáns que compartir as súas aventuras é moito máis divertido e valioso. Cando acaba a súa aventura e a viaxe remata, os irmáns espertan, na mañá seguinte, cambiados, unidos, finalmente xuntos.

unha maleta cargada de...

Todo comeza con música en directo, cantamos e contamos … un conto de sempre, outro prestado, outro equivocado e o último improvisado, inventado por todas e todos os nenos e nenas con palabras que eles mesmos forman a partir das letras que enchen as nosas maletas. Contos de sempre, contos de agora, os nosos contos preferidos. Un lugar máxico para aprender cantando e soñando. Trala función damos a opción de realizar un taller que consiste en experimentar a creatividade a través das manualidades.

improvisados

Na entrada entregarase un billete para comezar a viaxe. Nel escribiremos o noso destino. O azar, encargarase do despegue e en fraccións de segundos a historia comezará. Todo está entrelazado. Os espectadores terán a oportunidade de ser parte creadora e indispensable do show, escollendo tamén as “turbulencias” (estilos de improvisación) que máis lles apetezan. Preparade os vosos billetes para embarcar con Almudena Zurita e Paulo Medal, cara un destino tan realista ou absurdo como o espectador queira. ¿Estades listos para viaxar?